Mulleres do camiño portugués
“Mulleres do Camiño Portugués” parte da idea de construir unha narración coral dun grupo de mulleres vinculadas profesionalmente ao mundo do turismo. A súa experiencia, en primeira persoa, válenos para entender a importancia que ten para os concellos que forman parte de Galicia Suroeste o Camiño de Santiago. Todas as protagonistas coñecen e tratan con peregrinos e peregrinas no seu quefacer diario. Dende unha axencia de viaxes, pasando por un pequeno hotel a unha oficina de turismo ou como guía cultural. Mulleres que interactúan con eses viaxeiros e viaxeiras que inician o seu camiñar a Santiago de Compostela dende Portugal. E mentres, o Camiño Portugués segue a medrar ano tras ano coa chegada de peregrinos e peregrinas que arriban dende o aeroporto de Porto, principal vía de entrada para as persoas que buscan unha experiencia de calidade e unha viaxe para non esquecer.